Racing Club Villalbés

Empate sen goles nun encontro no que tivemos preto a vitoria no tramo final

O primeiro equipo igualou no Couto sen goles ante a UD Ourense, resultado que lle permite manterse na cuarta praza. Logo dun encontro con dúas partes diferenciadas, os nosos tiveron as mellores ocasión no tramo final, pero faltou o acerto que nos permitirá sumar os tres puntos.

O partido comezou co cadro local levando a iniciativa, empuxado por unha bancada moi poblada ante un Rácing serio en defensa e que resistiu ben ese cuarto de hora inicial no que eran os ourensáns quenes se achegaban máis á meta rival. Co paso dos minutos o dominio local baixou en intensidade, pero os nosos seguían sen ser quen de chegar con perigo. Neste primeiro acto, a chegada máis perigosa foi un lanzamento de falta de Pablo Rey que salvou o meta local. Co 0-0 chegouse ó descanso.

Tralo paso por vestiarios cambiou o decorado, cun Rácing Villalbés con moita máis presenza en campo rival: un segundo tempo moito máis bonito para o espectador e con máis chegadas ás áreas. As máis claras para os locais foron un disparo que salva Santomé e un cabezazo que se marcha por moi pouco.

O noso equipo conto na última media hora con varias opción claras para adiantarse: o meta local luciuse nos disparos de Javi Rey e Marcos Álvarez, mentres que o zurdazo de Rares foise alto.

Xa no tempo engadido, teriamos aínda a última nas botas de Dani, pero de novo o gardamllas local evitou o 0-1. Ó final, reparto de puntos nun choque igualado e intenso no que o equipo tivo opción de vitoria no tramo final. O domingo, recibimos ó Somozas no que será o primeiro dos dous encontros consecutivos como locais.