Vitoria épica dun Racing Villalbés que xogou media hora con nove xogadores

Partido que quedará para a historia o Racing Villalbés 2-1 CD Guijuelo correspondiente á 15ª xornada de competición. Logo de dúas derrotas consecutivas, os de Simón Lamas reatopáronse co triunfo nun encontro no que se repuxeron a tódolos factores que se lles puxeron en contra.

Comezaron moi ben os nosos, e froito delo chegou o 1-0 antes do minuto 10 grazas a un disparo cruzado de Álex Pérez tras unha boa acción individual. Este tanto non cambiou o decorado do encontro, pois os de Simón seguiron atopándose cómodos e mandando sobre o terreo de xogo. Neste tramo houbo que lamentar a lesión de López, tras un choque cun defensor rival, e que obrigou a ambos a abandonar o terreo de xogo tras sendos golpes na cabeza.

Co paso dos minutos as forzas foron igualándose, e froito delo, nunha acción illada, chegaba a igualada visitante. Reaccionaron rápido, moi rápido, os nosos, que nada máis sacar de centro facían o 2-1 cun tanto en propia meta. Cando todo sinalaba ó descanso, chegou a primeira acción polémica e expulsión do encontro: Vérez vía o cartón vermello directo nun lance cun rival que o colexiado interpretou como agresión.

Tralo paso por vestiarios e con dez homes, o encontro cambiou de escenario, pero cun Racing que seguía moi ben plantado sobre o campo, e neste caso buscando unha contra que lle dera aire. Nese momento estaba o partido ata que chegou unha nova acción polémica no minuto 64: un saque desde o curruncho rival é despexado por Javi Varela nunha acción na que o colexiado sinala penalti e expulsión por unhas supostas mans moi protestadas pola bancada local. Con 9 xogadores locais sobre o campo e media hora por diante, o Guijuelo desperdiciou o lanzamento desde os 11 metros logo de lanzar alta a pena máxima.

Quedaba moito tempo por sufrir para defender o tesouro, pero o equipo racinguista non estaba pola labor de deixar escapar os puntos. Nun incrible exercicio de resistencia defensiva, os de Simón só concederon disparos desde fora da área e accións a balón parado ben defendidas. Incluso tiveron a opción para facer o terceiro tanto nunha acción a balón parado que se estrelou no pao.

Pasaron os minutos e o marcador non se moveu, sumando tres importantes puntos acadados de xeito épico. Puro ADN Racing.