Vitoria do primeiro equipo nun bo partido e empate do Filial a domicilio

O primeiro equipo reatopou o camiño da vitoria nun encontro no que foi claramente superior ó Vilalonga e no que o 2-0 final se antoxou incluso corto para o visto no terreo de xogo.

Xa desde o inicio os nosos saíron con ganas de brindar o primeiro triunfo como locais á nosa afección, e dispuxeron dunha clara opción no lanzamento dunha pena máxima que Fito non atinou a transformar. A pesar do dominio, o tanto resistíase, e non chegou ata preto do descanso, cando Martín da Lama facía o 1-0 co que se chegaba ó intermedio.

Tralo paso por vestiarios o decorado non cambiou, e foron os de Alberto López os que monopolizaron a posesión e as ocasións, ata que Asier fixo o definitivo 2-0.

Pola súa banda, o Filial continúa na boa dinámica e sumou o primeiro empate do curso no sempre complicado campo do Guntín ante un conxunto local que apretou e contou con opcións para facer un tanto que os de Iván Lamas conseguiron evitar, finalizando o choque co 0-0 inicial.