Racing Club Villalbés

Valioso punto en Zamora no feudo dun dos favoritos

Logo do triunfo ante o Fabril, o equipo seguiu na boa liña sumando un punto a domicilio ante o Zamora, terceiro clasificado e metido de cheo na loita polo ascenso directo.

Comezou ben o encontro o cadro de Simón, con presenza en campo rival e anulando ó seu rival, ata que froito deso chegou o 0-1 nunha xogada algo afortunada na que un centro de Torrado era introducido en propia porta por un zagueiro local.

Este tanto deulle confianza ós nosos, pero co paso dos minutos o Zamora deu un paso adiante e apretou, dispoñendo de perigo principalmente en varias accións consecutivas a balón parado que o noso equipo foi quen de defender ben, e así se chegou ó descanos.

Tralo paso por vestiarios chegaron os mellores minutos locais, cun Zamora que se achegou á meta de Santomé ata que acadou a igualada nunha xogada desafortunada para os nosos.

Despois do empate volvéronse a igualar as forzas, cos nosos resistindo as chegadas dos locais, que contaron cun par de boas opcións, e agardando o seu momento. O momento chegaría no último cuarto de hora de encontro, no que o Villalbés tivo as súas opcións en varias transicións nas que non foi quen de decidir ben para levarse o triunfo.