Racing Club Villalbés

Un Rácing que fixo méritos para máis iguala a un tanto e decidirase todo na volta

Comezou o encontro con moitas imprecisións, notándose o moito que estaba en xogo. Os nosos non se sentían cómodos no terreo de xogo, ata que conseguiron trenzar unha boa xogada que finalizou cun disparo de Make que o meta rival enviou a saque de esquina. Sacaba Álex desde o curruncho e un testarazo de Vérez poñía o 1-0 no marcador antes de chegar ó primeiro cuarto de hora.

Este gol sentoulle ben ós de Simón, que a partir de aí comezaron a mandar no encontro, chegando á área rival ata que á media hora de xogo o colexiado sinalaba un claro penalti sobre Marcos Álvarez. A sorte non estaba do lado chairego, e o disparo de Pablo Rey íase fora.

Os locais non cesaron no seu dominio, pero pasado o minuto 40, nunha das poucas aproximacións visitantes, chegaba a igualada nunha acción na que se protestou fora de xogo. Final dos primeiros 45 minutos cun marcador de 1-1 inxusto polo visto neste primeiro acto.

Tralo paso por vestiarios o dominio local incrementouse a nivel de posesión, e chegaron máis situacións de perigo, como un centro-chut de López ó longueir ou un man a man de Make tras unha boa xogada que colectiva que solventou ben o meta rival.

No último tramo de encontro o dominio territorial foi dos de Simón Lamas, pero o bo facer defensivo rival nos balóns á área e unha gran interveción do meta a un disparo de Marcos mantiñan a igualada. Os racinguistas reclamaron un novo penalti sobre Marcos Álvarez, pero desta vez o colexiado non o sinalou nun segundo tempo con continuas interrupcións e paradas de xogo que fixo que os nosos non conseguiran pasar do empate a un tanto e que deixen todo aberto para a volta.

Racinguistas, pedimos un último esforzo, a próxima semana viaxaremos todos xuntos a Santo Domingo de La Calzada para, co voso apoio, conseguir sacar adiante a eliminatoria.