Un gran Rácing Villalbés vence ó Arosa e xogará o Play Off

Unha gran versión do primeiro equipo serviu para impoñerse por 2-1 ó Arosa e acadar a clasificación para o Play-Off como cuartos clasificados. O choque comezou con moito ritmo e intensidade desde o inicio, conscientes ambas escadras de que debían ir a pola vitoria: un partido de nivel e no que se amosou o por que da clasificación de ambos equipos.

Non obstante, dentro desta igualdade inicial, eran os de Simón Lamas quenes parecían estar máis cómodos sobre o campo, e de aí que chegara o 1-0 mediado o primeiro acto tras un disparo de Álex que, tras golpear nun defensor, se colaba na portería visitante e desataba a locura nunha Magdalena vestida de gala, como nas mellores ocasións.

De aquí ó descanso, un novo disparo de Álex que detía o gardamallas visitante convertíase noutra nova oportunidade local, mentres que os visitantes o intentaban que non inquedaban a meta defendida por Álex Santomé, chegándose ó intermedio con ese 1-0.

Tralo paso por vestiarios, comezou mellor o Arosa, consciente de que debía darlle a volta ó marcador e animado tamén por unha afección que se desprazou en gran número e que tivo un comportamento exemplar ó longo de todo o encontro. Neste tramo de dominio dos de Luisito a ocasión máis clara foi un testarazo á saída dun córner ante o que se luciu Santomé.

Pasado o minuto 60, volveu a equilibrarse o xogo, e contamos con dúas novas ocasións nas botas de Álex ante as que tivo que atinar o gardamallas visitante, evitando o 2-0. Entrando xa no tramo final do encontro, no minuto 78, chegaba o empate, que nese momento era suficiente polo resto de resultados da xornada, pero os nosos non querían deixar os deberes dependendo de terceiros, e fóronse en busca dun triunfo que tamén perseguían os visitantes.

Froito desto pouco despois, no minuto 82, chegaba o 2-1 ó transformar Pablo Rey unha pena máxima e devolver a ledicia á bancada chairega. Tres puntos que permiten pechar unha gran ligar regular na cuarta posición da táboa e que nos dan dereito a desputar a terceira promoción de ascenso na historia do club.