Domingo fructífero para os equipos sénior do Racing Villalbés, con sendos triunfos logo de dous bos partidos. En horario matinal, os de Alberto López derrotaron ó Atlético Arteixo por 0-2, grazas a un golazo de Fito e un tanto de pena máxima obra de Cañi, ambos nunha primeira metade moi seria do equipo. No segundo periodo, os nosos souberon manter ben a renta acadada no primeiro tempo e xa suman 7 dos primeiros 9 puntos en xogo.
No turno de tarde, o Filial estreábase como local na Magdalena recibindo ó Meira. Nun inicio de partido de moito nivel, o encontro quedou encarrilado a favor dos de Iván Lamas, que xa vencían por 4-0 pasada a media hora de xogo grazas a dous tantos de Gabri e outros dous de Gegun. Na segunda metade a tónica do encontro foi similar, con dominio local, e chegaría o terceiro tanto de Gabri para establecer o 5-0 definitivo.