O Rácing sabe sufrir e consegue o triunfo no tempo engadido

Tres puntazos os acadados polo primeiro equipo este domingo ante a UD Somozas nun encontro disputado en horario matinal. Saíron moi enchufados os xogadores de Simón Lamas, que foron mellores no primeiro cuarto de hora e dispuxeron das mellores ocasións, destacando un disparo de Marcos Álvarez que se foi por pouco.

Pasado este primeiro cuarto de hora, os visitantes tomaron o mando da posesión, certo é que sen crear excesivos achegamentos á meta defendida por Santomé, máis aló dun gol anulado por fora de xogo. Xusto antes do descanso chegou a protestada expulsión de Pablo Rey, que facía que os nosos se quedaran cun home menos no minuto 42. Así se chegaba ó descanso: cun 0-0 probablemente xusto e cun home menos.

Non obstante, tralo paso por vestiarios mellorou a nosa versión e, pese a estar en inferioridade, parecía que eran os locais quenes estaban máis cómodos no campo e se achegaban con máis perigo á meta visitante, destacando un lanzamento de falta de Marcos Álvarez ante o que se luciu o meta visitante.

Cando faltaba pouco máis dun cuarto de hora para o final, chegou a expulsión do visitante Rubo, o que facía que as forzas se igualaran de novo: 10 contra 10 homes no campo e 15 minutos para decidir todo. A partir deste intre foi o Villalbés quen buscou máis a vitoria, con chegadas continuas a área pero sen dar tido esa ocasión clara que puidera darlle a vitoria. No tempo engadido, achegouse a UD Somozas nunha contra, pero Cañi non atinou a controlar, e só un minuto máis tarde, un balón solto na área visitante era aproveitado por Make para definir con calidade e facer o 1-0 que nos permite manter o cuarto posto na táboa clasificatoria. A vindeira fin de semana, repetimos como locais, neste caso recibindo ó Alondras.