Juan José Vázquez Carreira afronta a súa segunda tempada como presidente do Rácing Club Villalbés logo de toda unha vida vinculada ó club, en diferentes etapas e facetas. Como xogador nas décadas do 70 e 80, e posteriormente como directivo con ata tres presidentes: Gerardo Criado, Jesús Vivero e Paco Ruiz. No verán de 2021 deu un paso á fronte para encabezar a directiva, aínda que el prefire dicir que “simplemente son un compañeiro máis, neste caso, dun equipo de traballo no que todos temos claras as nosas áreas e funcións para sacar adiante cada día este club. Neste caso, tócame a min ser o presidente”.
E logo destes case dous anos á fronte do club, tivemos clara a primeira pregunta:
Cal é o mellor momento vivido desde que te fixeche cargo da presidencia?
Son moitos os bos momentos vividos neste tempo, pero posiblemente o que máis ilusión me fixo foi a creación do equipo Genuine. Neste caso, tocou presentar este proxecto sendo presidente, pero é de xustiza dicir que era un proxecto que xa tiña en mente e polo que estaba loitando e traballando Paco Ruiz cando era presidente. Logo chegou a pandemia, que obrigou a paralizar todo e esta tempada, por fin, fomos capaces de levalo a cabo.
Ademais, tamén me fixo especial ilusión a creación do novo himno.
Falemos logo do equipo Genuine: cal é o día a día e a dinámica coa que nace o equipo?
O equipo está adestrando cada semana, e a intención é que esta tempada se poda xogar algún partido amigable. A partir de aí, estamos informándonos e estudando a idea de poder formar parte dunha competición organizada, que sería o que nos gustaría.
Polo que nos teñen dito, debemos ser o primeiro equipo non profesional de España que conta con este equipo.
Facías mención antes tamén do himno do club presentado recentemente. A que se debeu esa iniciativa?
Evidentemente, cada vez que se fala do Rácing Villalbés pénsase no apartado deportivo, pero desde esta xunta directiva queremos e estamos a dar pasos tamén no ámbito social. Queremos achegar o club á vila, que Vilalba se sinta identificada co Rácing, e que o Rácing presuma por todo o panorama galega de Vilalba.
Pero ademais de achegalo á vila, tamén queremos achegalo ós clubs da comunicade con iniciativas como o Torneo Tecnorenova de fútbol alevín e benxamín, que este ano terá lugar os días 10 e 11 de xuño na súa segunda edición, despois do éxito do ano pasado, o inaugural. E queremos tamén modernizar o club na medida do posible.
Para conseguir todo isto, cremos que é fundamental levar a cabo iniciativas de xeito continuo e dinámica: como a creación do propio himno, a Gala do RCV que xa fixemos o ano pasado seguida dunha comida de confraternización, a mesma creación da páxina web e, aínda que isto xa coincide tamén co plano deportivo, a creación dun equipo filial.
Un equipo filial que vén de acadar o ascenso a pasada fin de semana. Cales son os obxectivos deste conxunto?
Cando se decide crear un equipo destas características, son moitos os factores que se teñen en conta: moitos rapaces que levaban toda a vida no club tiñan que abandónalo ó chegar á etapa sénior, e agora poderán continuar vestindo a nosa camiseta, como xa pasou cos que pasaron de idade o pasado verán. Agora mesmo, co primeiro equipo en 3ªRFEF, moitos rapaces que poden ser válidos precisan un proceso de adaptación, e a nivel deportivo consideramos que a mellor solución era esta. Se unimos a parte emocional e a deportiva, ambas levaban á creación deste equipo filial.
Estamos moi contentos co recente ascenso, pois temos claro que a nivel deportivo é moi importante conseguir situar ó equipo na 1ªAutonómica o antes posible. O primeiro paso conseguímolo dar rápido, e faremos todo o posible para seguir nesta liña.
E xa que saiu o tema deportivo, como ves a campaña de tódolos equipos a nivel global?
Ata o de agora, en xeral, estupenda. O obxectivo do primeiro equipo cando comezamos cada tempada é acadar a permanencia e, a partir de aí, quedar o mellor posible. Isto non quere dicir que non sexamos ambiciosos nin que non nos guste pelexar nos postos que estamos agora.
Pero temos claro que o nivel da categoría é moi alto, con equipos que levan moitos anos na categoría, grandes poboacións e clubs, e de aí que o máis importante cada tempada sexa poder seguir desfrutando da mellor categoría do fútbol galego; a partir de aí, ver ata onde damos chegado.
No tocante á base, o filial acaba de acadar o obxectivo, e o resto de equipos están pelexando por acadar os seus: o noso obxectivo nas tres categorías de fútbol-11 é poder contar cun equipo en Liga Galega, e estamos metidos nesa loita en todas elas; ademáis, o Xuvenil B está a desputar a promoción de ascenso a 1ª.
E no resto de equipos, como xa sabedes e temos moi claro neste club, o primordial é a formación integral dos cativo. Hai que ver como acaba a tempada, pero penso que imos no bo camiño.
E nese bo camiño, cales son os seguintes pasos a dar a nivel club? Eses proxectos que teña en mente o Juan presidente e que lle gustaría poder levar a cabo nun futuro a curto ou medio prazo?
A miña maior aspiración, soño, ou chámalle como queiras, é conseguir modernizar o Estadio Roca, cuxo céspede leva case 50 anos sen tocarse. Creo que, co gran volumen de equipos e rapaces que movemos, temos un gran déficit a nivel de instalacións, ó ter que adestrar todos nun mesmo campo. Por iso, conseguir a modernización do Roca, tanto no terreo de xogo como nos arredores, coa creación dun local social, etc. sería un paso moi importante que, de xeito directo, cremos que tería unha gran importancia no eido deportivo, incluso pensando en poder levar a cabo proxectos como a creación dun equipo feminino ou outros que nos permitan seguir medrando.
Despacio, pero firmes, así son os pasos que quere seguir dando Juan como presidente para que o noso Rácing sexa hoxe un poquiño mellor ca onte, pero un pouquiño peor que mañá.