Racing Club Villalbés

O Rácing Villalbés vence por 1-3 nun histórico debut

O Rácing Villalbés escribiu unha nova páxina na súa historia ó acadar a primeira vitoria no seu estreo en 2ªRFEF. Os de Simón Lamas impuxéronse por 1-3 ó Real Oviedo Vetusta nun encontro no que amosaron moi boa imaxe.

Os primeiros minutos de partido foron de posesión local, pero sen achegarse á meta defendida por Santomé. Co paso do tempo os chairegos fóronse desfacendo dese dominio inicial e chegou o primeiro disparo á meta rival desde fora da área, obra de Christian; responderon os locais cun disparo lonxano ó que reaccionou ben Santomé.

A partir do minuto 20 chegaron os mellores momentos visitantes: chegou o 0-1 tras unha gran definición de Álex Pérez superando a defensa e porteiro rivais tras un bo servizo de Jose. Apenas un par de minutos despois unha gran xogada persoal, de novo de Álex Pérez, era salvada polo meta local.

No medio deste dominio do Rácing, os locais tiveron a súa opción cun testarazo que se foi fora, e pronto recibiron a réplica en forma de 0-2, ó culminar Christian, cun bo disparo desde a frontal, unha xogada rápida. Con este marcador chegouse ó descanso.

Tralo paso por vestiarios o encontro seguiu nivelado, ata que pouco despois do minuto 50 chegaba o 1-2, ó transformar o cadro local unha pena máxima moi protestada polos nosos. Este tanto deulle folgos ós locais, pero os nosos estiveron moi serios defensivamente esperando a súa oportunidade, e chegou no minuto 66.

Pablo Rey, recén ingresado no terreo de xogo, disparou unha falta desde a frontal que, tras golpear nun zagueiro local, se colou no fondo da rede rival para poñer o 1-3 no marcador.

Tras este tanto, os de Simón amosaron unha imaxe moi sólida ante as ofensivas rivais, o que propiciou que só se contara unha ocasión rival nun disparo lonxano que, tras golpear en Nathan, se foi preto da meta racinguista.

Pola súa parte, os nosos tiveron dúas claras opcións para pechar o marcador nun disparo de Pablo que salvou un defensa e nunha acción de Izan logo dunha gran xogada de Isaac.

Non se moveu o marcador, e os tres primeiros puntos da tempada viaxaron de volta para Vilalba.