Non comezou con bo resultado o Play-Off de ascenso para o Rácing Villalbés logo de caer na ida da primeira ronda por 0-1 nun encontro que se decidiu por detalles e no que os nosos tiveron ocasións para empatar.
O choque comezou cun ritmo alto desde o inicio, cun equipo vigués que amosou o por que da súa gran segunda volta e un gran estado de forma. Non obstante, reinaba a igualdade e a primeira chegada clara foi local, nunha transición rematada cun disparo cruzado de Marcos Álvarez.
Mediado o primeiro tempo chegaba o único tanto do encontro, logo dun rexeite nun córner que poñía por diante ós visitantes. Este tanto afectou ós nosos, que viron como durante un cuarto de hora os vigueses foron mellores e contaron con dúas opcións ante as que respondeu ben Álex Santomé.
Os últimos minutos do primeiro tempo xa foron locais, e nese tramo o equipo contou con dúas claras ocasións para empatar nas botas de Make e Rares, pero non atinaron, e así se chegou ó descanso.
Tralo paso por vestiarios os de Simón Lamas, conscientes da importancia do encontro e levados en volandas por unha bancada chea insistiron desde o inicio ante a zaga rival. Foi un segundo tempo de dominio racinguista ante un Rápido de Bouzas moi ordenado que dificultaba as ofensivas dos locais, ata que chegou a ocasión de Álex Pérez no man a man que salvaba o meta rival, logo de que Álex golpeara desequilibrado por un zagueiro visitante.
De aí ó final o Rácing intentouno por tódolos medios, pero os visitantes resistiron e viaxamos en desvantaxe á volta. Iso sí, aínda queda moito e o sábado ás 19:00 horas en Bouzas daremos todo por acadar a remontada.