Racing Club Villalbés

O Rácing ve como se lle escapan dous puntos no último segundo de partido

Partido igualado o vivido na mañá de onte no campo de A Magdalena. O choque comezou cun claro dominio local, ante un Alondras replegado e ben armado, polo que as chegadas locais tiñan que ir chegando pouco a pouco; así chegaron os dous primeiros achegamentos, con centros ós que os nosos atacantes non chegaron por pouco. No minuto 10 chegaba o 1-0, tras un disparo de Javi Varela que golpeaba nun defensor rival para colarse da portería do equipo de Cangas.

Tras este tanto os visitantes deron un paso adiante, co encontro seguindo igualado, pero cunha ocasión do Alonras que salvaba Álex Santomé. Ata o descanso, choque igualado e poucas chegadas a ambas áreas.

Tralo paso por vestiarios os nosos levaron os tempos do partido, co marcador a favor, ante un Alondras que chegou con perigo nas accións a balón parado, nas que contou con dúas situacións nas que tivo a opción do empate. Pola súa parte, os de Simón Lamas tamén tiveron situacións para matar o partido á contra, destacando as situacións de Make, Santi ou Álex Pérez, pero non atinaron.

Cando o encontro xa morría, na última xogada do encontro, un disparo visitante desde a frontal da área facía o 1-1 definitivo e supoñía un xarro de auga fría para os intereses dos locais, que vían como se escapaban dous puntos no último segundo de encontro.

A próxima fin de semana, visitamos ó Centro de Deportes Barco.