Racing Club Villalbés

O Rácing suma un punto na complicada saída a Cantabaria

O Rácing Villalbés continúa sumando puntos neste inicio de tempada logo de igualar sen goles na casa do Rayo Cantabria, un rival que lle esixiu moitísimo ós de Simón Lamas e que contou con boas ocasións na primeira metade. No segundo acto as forzas equilibráronse e viuse un encontro aberto, con alternativas e chegadas para ambos equipos.

O encontro comezou con moito ritmo, co conxunto cántabro xogando en campo visitante e avisando cedo un disparo que parou sen problemas Santomé. Co paso dos minutos o dominio íase acrecentando ante un Villalbés que só era quen de saír en tímidas contras. Quizais entre os minutos 25 e 40 chegaron as mellores opcións locais, pero ata tres novas intervencións de Santomé permitiron manter a igualada ó descanso.

Tralo paso por vestiarios o decorado foi moi distinto. O Rácing Villalbés axustouse para verse moito máis cómodo no campo, sen sufrir na fase defensiva e dando moita máis sensación de perigo en ataque, aínda que con disparos que se marchaban sen perigo.

Entre o minuto 65 e o 80 foron os mellores momentos dos de Simón Lamas, que nese tramo buscaron a vitoria e contaron con dúas boas opcións, pero o testarazo de Uzal foise alto e o Quico foi salvado por un defensa.

Nos últimos minutos o encontro abriuse máis, con dous equipos que non querían perder o punto que xa tiñan no seu poder pero que pelexaban por levarse os 3, e esto fixo que xa no tempo engadido Santomé se tivera que empregar de novo a fondo para salvar o remate local e permitir que se viñera un punto de volta para Vilalba.