Racing Club Villalbés

O Rácing remonta en Bouzas nun día que quedará para a historia

Era difícil, pero non había dúbida de que os nosos o ían intentar. Enfronte estaba a difícil tarefa de darlle a volta ó 0-1 ante o Rápido de Bouzas, un equipo que ata o pasado sábado só perdera dous encontros en toda a tempada.

Pero o encontro non puido comezar de mellor maneira: Cuadrado aproveitou un erro defensivo e, cun bo disparo, facía o 0-1 cando apenas se cumplía un minuto de xogo. Isto fixo que o encontro fora dun alto ritmo desde o inicio, con dous equipos buscando a meta rival en busca dun novo gol. Álex Santomé sacou un bo pé para evitar a igualada dun conxunto local que un día máis amosou o por que da súa gran clasificación.

O Villalbés tamén se achegaba á meta rival, e un lanzamento de falta de Pablo Rey foise por pouco. Era un aviso antes de que chegara o 0-2 de Make cun gran golpeo de volea á saída dun córner, que nos poñía por diante na eliminatoria e que desataba a locura na bancada dunha afección racinguista que non fallou e que se desprazou en gran número a Vigo. Sen máis variación chegouse ó descanso.

Na segunda metade o decorado cambiou, cun Rápido de Bouzas máis ofensivo e un Rácing Villalbés ben ordenador defensivamente e buscando unha contra que matara o partido, sendo a opción máis clara unha na que o defensor local se anticipou por pouco a Jose Varela. Pola contra, o traballo defensivo visitante era moi serio, impedindo ocasións claras locais, pero os locais seguírono intentando ata atopar esas ocasións e chegaron dúas nas que Álex Santomé tivo que intervir para evitar que o marcador se movera de novo.

Ó final, sen variación: 0-2 e os nosos clasificados para unha segunda ronda na que se medirán ó Arosa SC. A ida, este sábado ás 17:00 na Magdalena. Contamos con vós.