Con empate a un tanto se resolveu o histórico debut como local do Rácing Club Villalbés en 2ªRFEF. Os de Simón Lamas recibían a un dos fortes da categoría, o Real Avilés Industrial, e non só plantaron cara, senón que por momentos gozaron das mellores ocasións, especialmente nun primeiro tempo moito máis aberto e vistoso que o segundo.
O partido comezou con ritmo desde o inicio, e xa antes de que se cumplira o primeiro minuto de xogo, os nosos contaron cunha dobre ocasión: o testarazo de Jose Varela era rexeitado polo gardarredes rival, e Álex non atinaba a rematar dito rexeite.
Neste primeiro tramo de encontro, un centrochut do propio Álex Pérez obrigou a intervir de novo ó porteiro visitante, mentres que o Avilés non inquedou a Santomé no primeiro cuarto de hora. Mediado o primeiro tempo chegou o primeiro remate visitante, e convertiuse en gol ó aproveitar en posición dubidosa un centro nunha falta lateral.
Xerro de auga fría para os vilalbeses, que durante uns minutos resistiron ben sen perder a compostura, ata que chegou a oportunidade de igualar ó sinalar o colexiado un penalti sobre Álex Pérez que protestaron os visitantes. Pablo Rey non errou desde os 11 metros e o marcador igualábase de novo.
Chegaron bos minutos entón dos de Simón, que viron como un testarazo de Quico era desbaratado de novo por un meta visitante que realizou uns moi completos primeiros 45 minutos de xogo. Antes do descanso, os visitantes reclamaron penalti nunha acción na área vilalbesa.
Tralo paso por vestiarios o encontro volveuse moito máis pechado e feo para o espectador, o que fixo que apenas se viran achegamentos perigosos: o máis claro para os nosos era un man a man de Christian, que era invalidado por un protestado fora de xogo, mentres que o máis claro visitante foi un centro que, tras golpear nun zagueiro local, se ía á madeira da portería de Santomé.
Pouco máis que destacar de aquí ó final e xusto reparto de puntos logo do visto nos 90 minutos de xogo na Magdalena.