Racing Club Villalbés

O Racing cae ante o Langreo nun encontro no que mereceu moito máis

Foi, se non o mellor, un dos mellores encontros do Racing Villalbés na presente campaña, pero a fortuna non sorriu desta volta ós de Simón Lamas ante un Langreo que os derrotou por 0-1.

A primeira ocasión do partido foi para os locais, nunha acción na que Christian, tras unha boa acción individual, se plantou só diante do meta rival, pero non atinou no man a mana, que foi desbaratado polo cancerbeiro visitante.

Seguiu o dominio local, con presenza continua en campo rival, e varias accións a balón parado que non atoparon rematador, chegándose ó descanso con 0-0 e sen que o Langreo inquedara a meta defendida por Santomé.

Tralo paso por vestiarios, a tónica foi similar, cos locais mellor, con máis achegamentos e cunha moi clara ocasión na que o meta visitante se luciu no disparo a bocaxarro de Santi para salvar o 1-0.

Poucos minutos despois, un disparo visitante desde fora da área rebotaba nun zagueiro local e chegaba un 0-1 a todas luces inxusto polo visto ata ese intre na Magdalena.

O Villalbés non se rendiu e tirou de coraxe en busca da igualada. Un disparo de Rares obrigou a lucirse ó meta rival, ó igual que un lanzamento de falta de Pablo Rey ou algún remate á saída dun córner, pero non era o día e finalmente os puntos viaxaron da Magdalena.