Racing Club Villalbés

O primeiro equipo suma un punto e o Genuine disputa o «I Trofeo Président Genuine»

Bonita xornada de sábado a vivida o sábado na Magdalena. O primeiro equipo sumou un punto ó igualar sen tantos ante un rocoso Marino de Luanco nun encontro bastante pechado e con poucas ocasións, pero no que os nosos tiveron as súas opcións de sumar os tres puntos. Deste xeito, tras catro xornadas de competición, os de Simón Lamas seguen invictos e sumando.

No primeiro acto, reinando a igualdade como no resto do encontro, foron os locais os que tiveron as dúas mellores opcións para adiantarse, primeiro nas botas de Christian, que diante do porteiro disparou alto, e posteriormente nas de Álex Pérez, que obrigou a intervir ó gardamallas visitante. Sen moito máis que destacar, chegouse ó descanso.

Tralo paso por vestiarios o encontro seguiu igualado, co Marino contando cunha opción nun tiro desde a frontal que se foi alto, e con moi pouco protagonismo de ambos cancerbeiros. Nos últimos minutos ambos conxuntos se alargaron buscando a vitoria, pero sen que eso se chegara a traducir en chegadas perigosas. Na última acción do encontro os visitantes lanzaron unha falta directa que se estrelou na parte lateral do pao da meta defendida por Santomé.

Ó remate deste encontro, tivo lugar a celebración do «I Trofeo Président Genuine», que enfrontou a RC Villalbés e RC Deportivo da Coruña. Unha edición que agardamos que sexa a primeira de moitas e na que todos puidemos desfrutar vendo como este proxecto tan ilusionante dá pasos cada día.

Moitas grazas a todos os que nos acompañastes na Magdalena.