O de hoxe non foi un domingo nin un partido calquera. Antes do encontro do primeiro equipo, rendimos homenaxe a Manolo Lamas.
Unha homenaxe sinxela e discreta, como era el, pero chea de sentimento por parte de todos os presentes na Magdalena.
A RFGF, co seu presidente Rafael Louzán á cabeza, e o Concello de Vilalba, co vicealcalde Modesto Renda, tamén quixeron estar presentes para acompañar á familia racinguista na homenaxe.
Sempre estarás con nós, Manolo❤️
Falando do meramente deportivo, o equipo sufriu a súa primeira derrota da tempada ante o CD Covadonga por 1-2 nun encontro no que o penalizaron dous erros defensivos.
O partido comezou con posesión local, aínda que non traducida en chegadas nin ocasións polo bo facer defensivo dun rival que tampouco xeraba perigo en ataque. Nunha xogada illada mediado o primeiro acto, e nunha acción desafortunada, chegaba unha pena máxima a prol dos visitantes que lles permitía poñerse por diante. De aquí ó descanso a tónica do encontro foi similar, cun ritmo de encontro lento e sen chegadas ás áreas.
Tralo paso por vestiarios, os cambios de Simón Lamas surtiron efectos e o decorado do encontro cambiou, cun Rácing Villalbés máis ofensivo e con continua presenza en campo rival, de xeito que comezaron a chegar os achegamentos e ocasións, pero nin Christian nin Santi atinaron coa meta rival.
Cando mellor estaban os locais, chegaría un novo xerro de auga fría: o 0-2 tras unha acción a balón parado. Duro golpe pero que non serviu para render ós nosos, que o seguiron a intentar e gozaron dunha nova ocasión de Santi na que se luciu o meta visitante.
Froito da insistencia chegou o 1-2 de Quico no minuto 90 de encontro. Intentárono os nosos no tempo engadido, pero non foron quen de conseguilo e chegou a primeira derrota en 2ªRFEF.