O primeiro equipo impúxose por 1-2 ó Gran Peña e colleitou tres importantes puntos tras remontar o tanto inicial dos vigueses.
Saíron mellor os locais, que se adiantaron cando aínda non transcorriran 5 miutos de encontro, e que no primeiro periodo gozaron de opcións para ampliar a súa vantaxe, como unha pena máxima que enviaron fora. Sen embargo, sería Martín Da Lama, pouco antes do descanso, quen igualaría o encontro nunha acción a balón parado.
Tralo paso por vestiarios o equipo de Alberto López mellorou, véndose un segundo periodo igualado pero sen moitas chegadas ás áreas. Chegaría unha para os nosos, e Cañi non perdoaría, poñendo o 1-2 definitivo no marcador cun bo testarazo no tramo final do encontro.
Pola súa banda, o Filial igualou a un tanto na estrea do Estadio Roca ante un dos favoritos, o CD Castro. Gran expectación nas bancadas e partido intenso e con emoción ata o final. Os nosos reclamaron unha expulsión visitante no minuto 20 de partido, que non se produciu, e mediado o primeiro tempo chegaría o 0-1 visitante. Antes, os de Iván estrelaran un balón no pao. Así se chegou ó descanso.
Tralo paso por vestiarios o encontro foi igualado e con poucas ocasións, pero chegou a igualada nun lanzamento de falta directa de Álex que lle daba emoción ó encontro ata o final, e máis cando o Castro quedaba cun home menos no tramo final de partido. Aínda así, o marcador xa non se movería máis e firmaríase un xusto reparto de puntos.