Racing Club Villalbés

O primeiro equipo iguala nun encontro con alternativas ata o final

O primeiro equipo viu como se lle escapaban dous puntos no tramo final dun encontro no que comezou mandando e incluso chegou a dispoñer dunha vantaxe de 2-0, pero no que un valente equipo visitante foi quen de empatar e no que no tramo final puido gañar calquera.

Comezaron moi ben os de Simón Lamas, mandando na posesión, dominando ó rival e tendo as mellores chegadas. Froito delo chegaba o 1-0 logo de que Rares, cun bo disparo, enviara ó fondo das redes un bo servizo de Álex Pérez. A tónica do encontro non cambiou, e nunha xogada moi semellante, de novo a pase de Álex, Make facía o 2-0. Uns moi bos primeiros minutos que lle daban vantaxe ó Rácing.

Sen embago, en poucos minutos cambiou o decorado coa lesión de Javi Rey e o primeiro tanto visitante, que facía que á media de hora o marcador reflexara o 2-1. De aí ó descanso seguiron mellor os locais, que seguiron chegando e tendo unha boa ocasión nun cabezazo de Álex que se marchou fora. Os visitantes tamén tiveron a súa antes dos primeiros 45´, pero nesta ocasión salvou Santomé.

Tralo paso por vestiarios, o decorado do encontro cambiou; o Paiosaco arriscou, comezando a chegar á área chairega e tendo dúas boas ocasións: unha salvada por Santomé e outra por Vérez baixo paos. Os nosos tiñan menos posesión, pero tamén contaban con moi boas ocasións para facer o terceiro: un remate de Rares que se marchou alto ou un 4 contra 1 mal finalizado foron algunhas delas, así como un cabezazo de Make que se marchou fora.

Achegábase o tramo final de encontro, e aí chegou o xerro de auga fría para os nosos ó ver como o Paiosaco facía o 2-2. Este tanto volveu o partido tolo, con dous conxuntos que buscaban a vitoria: o Paiosaco perdoou o 2-3, e na seguinte xogada o gardamallas visitante salvaba o 3-2 no disparo de Make. Partido de ida e volta, aberto e seguro que bonito para o espectador neutral neste tramo final, pero cos nervios e emoción propios destas xornadas para os equipos involucrados.

Non houbo tregua ata o final, con dous equipos intentándoo, e a última tívoa o Villalbés, que viu como trala parada do gardamallas rival ó tiro de Álex Pérez, Santi remataba o rexeite ó fondo das redes, pero o tanto era anulado por fora de xogo.

Ó final, reparto de puntos. Seguimos en zona de promoción e quedan dúas xornadas para o final.