O primeiro equipo iguala na casa ante a UD Ourense e o Filial cae no engadido

Na segunda xornada de competición, os nosos equipos senior volveron rendir de novo a bo nivel, e medíndose a cadros favoritos nas categorías nas que compiten.

O primeiro equipo recibía á UD Ourense, un plantel con xogadores chamados a marcar as diferenzas, e iso fixo que o choque comezara igualado. Javi Rey avisou e obrigou a intervir ó gardaredes rival. Pasada a media hora de xogo veriamos os dous tantos do encontro: os visitantes adiantábanse cun disparo desde a frontal, pero os nosos reaccionaron rápido e só un par de minutos despois igualaban por medio dun Borja que repetía tanto por segunda semana consecutiva. No tramo final fomos máis verticais que o rival, pero chegouse ó descanso co 1-1. No segundo tempo, os de Alberto López gozaron de máis posesión, pero non foron quen de traducila en ocasións claras nin en tantos e o encontro rematou co reparto de puntos.

Pola súa banda, sí se viron máis goles na visita do Filial ó feudo dunha SDC Residencia recén descendida e que parte como un dos favoritos da competición. Tras unha primeira media hora de dominio local e na que Duarte estivo atinado, chegou o 1-0. Reaccionaron ben os de Iván, e tras unha boa xogada individual de Diego, Gabri facía o 1-1. Tralo paso por vestiarios un gol de Gegun poñería en vantaxe ós nosos, pero mediado o segundo periodo chegaba a igualada dun cadro local que apretou en busca da vitoria no tramo final, e que facía o 3-2 no engadido, deixando sen premio ó noso equipo despois dun gran esforzo.