Ó primeiro equipo escápanselle dous puntos no tempo engadido e o Filial cae tamén no tramo final

O primeiro equipo viu como se lle escapaban dous puntos no tempo engadido nun encontro que foi vencendo ata en dúas ocasións no feudo do Villalonga, pero no que o cadro local foi quen de repoñerse ambas veces.

Anthony adiantaba ós nosos no primeiro acto, e con ese 0-1 se chegaba ó descanso. Á hora de partido igualaban os locais, pero os de Alberto reaccionaban ben e moi pronto Javi Rey establecía o 1-2 no marcador. De aí ó final os nosos souberon administrar a vantaxe, pero o tanto local no engadido fixo que nos tiveramos que conformar con sumar un punto.

Pola súa banda, o Filial caeu de maneira cruel ante o Guntín nun partido tolo no que estivo por diante ata en 3 ocasións. Denís adiantaba ós de Iván desde os once metros ó transformar unha pena máxima cometida sobre el mesmo, pero pouco tardaban os visitantes en igualar nunha xogada afortunada.

Yago Vázquez poñía o 2-1 e de novo igualaba o Guntín, con tempo para que, aínda antes do descanso, Denís repetira para poñer o 3-2 no marcador. Con menos ritmo de chegadas comezaba un segundo tempo no que os nosos aguantaron ben o resultado ata o tramo final, vendo como nos últimos dez minutos dous goles do Guntín lle daban a volta ó marcador e o deixaban no definitivo 3-4.