Racing Club Villalbés

Make: «Nos momentos importantes A Magdalena sempre responde»

Alberto Lamas «Make» é o único xogador que pode presumir de estar presente en tódalas fases de ascenso do Rácing Villalbés. No seu primeiro ano sénior, tras volver do CD Lugo, disputou a primeira. Tras regresar do seu ano na SD Compostela tocou a segunda, e agora vai a pola terceira.

Con esta introdución podería parecer que estamos a falar dun trotamundos do fútbol, pero nada máis lonxe da realidade: desde que entrou no club na categoría alevín, foron poucas as experiencias vividas lonxe da vila, na que leva defendendo o noso escudo e representando os nosos valores polo territorio galego moitos anos.

Tres fases de ascenso na historia do club e tres fases de ascenso para Make; que supón elo para ti?

Pois imaxínate o que pode supoñer para alguén coma min, sendo de Vilalba e levando tantos anos no club. Poder xogar tres fases de ascenso e seguir facendo historia é incrible; lembro que na primeira fase os máis veteranos me dicían que valoraramos e desfrutaramos, que era moi difícil de conseguir o que estabamos conseguindo e agora doume conta de que tiñan razón. Agora son eu quen llo está a dicir ós máis novos: que lle den o valor que ten; é certo que nos últimos anos o club está a medrar, pero para un club humilde como o noso esto ten un gran mérito.

Cóntanos un pouco que lembras de cada unha das dúas fases anteriores.

A primeira foi no meu primeiro ano sénior; lembro que tiven a sorte de xogar os 90 minutos tanto na ida como na volta. Foran partidos moi bonitos: o Alhaurín de la Torre era un equipo similar ó noso, que defendía moi ben, que contratacaba… pero sobre todo lembro a “atracada” que nos meteran alí. Creo que se houbera as imaxes que hai hoxe en día sería imposible vivir algo como aquelo.

A segunda xa a teño máis recente e cadrou, como en todas elas, cun grupo magnífico de xogadores: creo que na primeira eliminatoria, a pesar de pasar nos penaltis, fomos merecedores do pase tanto na ida como na volta. Na segunda ronda contra o Atlético Levante competimos os dous partidos como o que máis, aquí incluso puidemos gañar e iso faríanos máis duros de cara á volta. Á marxe de competilo, foi un recordo moi bonito coa visita a esas instalacións, club, etc. Todos os que viaxamos alá desfrutamos da experiencia e trouxemos un recordo moi bonito.

Na primeira caeuse na primeira eliminatoria, na segunda na segunda eliminatoria, ata onde cres que pode chegar o equipo esta tempada?

Pois como di o refrán: “á terceira vai a vencida”; imos a pelexar por chegar a esa terceira, pero debemos ir pasiño a pasiño: o primeiro obxectivo é chegar á eliminatoria final entre os equipos galegos, e a partir de aí xa pensaremos no seguinte. Do mesmo xeito que fixemos nas outras dúas fases, temos que busar afrontalas sen presión, desfrutándoas pero, por suposto, con ganas de competila e de seguir facendo historia.

Falando en concreto do Rápido de Bouzas, como valoras o rival que vos tocou?

Pois creo que é un rival con certas similitudes ó noso equipo: organízase ben en defensa, non lle importa estar traballando a nivel defensivo gran parte do encontro, con capacidade para contratacar, e arriba ten xogadores determinantes que poden marcar as diferenzas en calquera momento. Seguro que será unha eliminatoria moi igualada que se decidirá por detalles.

Cales foron as claves da gran tempada realizada nunha competición tan esixente como a 3ª RFEF desta tempada?

Sen lugar a dúbidas, unha das claves foi a gran primeira volta que realizamos, chegando ó parón de nadal a piques de ser líderes. Co cambio de ano a traxectoria do equipo foi máis irregular, chegounos a mala xeira que a todos os equipos lles chega ó longo dunha tempada, pero aí apareceron as outras dúas claves que nos levaron ata aquí: o gran grupo humano que hai no vestiario, un grupo moi familiar, que nos fixo estar moi unidos, e que tamén nos levou a manter un gran nivel de traballo diario cando as cousas non saían.

Ó remate do encontro do pasado domingo viviuse un momento precioso cos rapaces da base, que supón para un vilalbés coma ti unha imaxe como esa?

É un momento que quedará para o recordo. A verdade é que foi moi emocionante; se velo desde fora foi bonito imaxínate vivilo desde dentro: incluso vin a algún rapaz de 6 ou 7 anos chorando da emoción. Ver ós rapaces tan ilusionados e involucrados co equipo e co club, non fai máis que amosar o gran traballo que se ven a realizar na base desde hai anos.

Que ambiente esperas este domingo na Magdalena?

Nos grandes partidos A Magdalena sempre responde. É posible que de Bouzas non se desprace tanta xente como de Arousa, pero por parte local estou seguro de que o ambiente vai a ser o mesmo: o domingo viviuse unha xornada moi bonita e imos a buscar repetila entre todos.