Gran vitoria do primeiro equipo no encontro de onte ante o CD Estradense, que chegaba líder a esta xornada. Os de Alberto López venceron por 2-1 a un conxunto visitante que demostrou na Magdalena o por que da súa boa clasificación.
O encontro comezou tomando vantaxe moi cedo o Racing Villalbés, grazas a un gran disparo lonxano de Cañi. Tralo gol tomou o mando o equipo visitante, que comezou a chegar con perigo ata que conseguiu igualar o marcador.
Co 1-1 o decorado do partido foi moi similar, ata que chegou unha pena máxima cometida sobre Borja que se encargou de materializar Cañi, para poñer o 2-1 no marcador, e así se chegou ó descanso.
Tralo paso por vestiarios o partido cambiou de guión, cos de Alberto defendendo ordenados e transitando, contando mesmo cun disparo de Asier ó longueiro. No minuto 60 a expulsión de Leira fixo que tiveramos que xogar media hora en inferioridade, pero o equipo non o acusou e soupo manter o marcador para levarse un importante triunfo.
Peor sorte correu o Filial, que non tivo o seu día e caeu en Outeiro de Rei por 1-0. Foron mellores no arranque do choque os de Iván Lamas, que contaron cun remate o pao e unha ocasión de Adri que desbaratou o meta local cunha boa intervención.
Mediado o primeiro periodo os locais colléronlle o ritmo ó partido e contaron cun par de ocasións antes de facer o 1-0 nunha falta lateral, chegándose así ó descanso. Na segunda metade os de Iván intentárono, pero non estiveron atinados e os locais defenderon ben o marcador, podendo incluso sentenciar nalgunha contra. Os nosos buscaron o tanto ata o final e tiveron a opción nunha chegada no engadido que Gabri non puido materializar.