Racing Club Villalbés

López: «Os afeccionados son parte importante na consecución de obxectivos, e estou seguro de que o que estamos vivindo se continuará no futuro».

Diego López comezou con 4 anos nas Escolas Deportivas do Concello de Vilalba, e con 6 vestiu por primeira vez a camiseta do Rácing Villalbés, «foi para xogar un torneo en Pontedeume, e ó ano seguinte xa comecei en benxamíns, pasando por tódalas etapas de base do club ata xuvenil de segundo ano». No último ano xuvenil fichou polo CD Lugo de Nacional, co que acadou o ascenso a División de Honra antes de estar durante as tres primeiras tempadas sénior formando parte do primeiro equipo en 2ªB, ás ordes de adestradores como Fonsi Valverde ou Quique Setién, ás ordes do cal «o último ano que estiven gañamos a Liga e chegamos á última eliminatoria da promoción de ascenso». Finalizada esa etapa, regresou na campaña 2011/2012 e desde aquela defende as cores dun primeiro equipo do que desde hai varias tempadas leva a capitanía, da que espera seguir desfrutando «mentres aguante o corpo e se todo vai ben».

Coas sensacións aínda recentes, descríbenos o vivido o pasado sábado: cales cres que foron as claves da remontada, e como o vivistes desde dentro?

Foi algo espectacular; desde pequeno sempre soñas con desfrutar destos partidos. Tanto os compañeiros como a afección demos todo e foi incrible, un día inolvidable. As claves foron a ambición, garra e ganas que sempre caracterizan ó Rácing Villalbés; é algo que vai no racinguismo pasen os anos que pasen. Cando Cuadrado fai o 0-1 no primeiro minuto xa nos demos conta de que a eliminatoria estaba igualada e que había que loitala, e co gol de Make concienciámonos de que non se nos podía escapar. Pelexamos moito para derrotar a un gran equipo como o Bouzas e desfrutar dun deses momentos polos que nos gusta o fútbol. Foi moi bonito celebrar de novo cos nenos, como o día do Arosa.

Isto non para, e o sábado chega xa o Arosa, como ves esta segunda eliminatoria? Onde estarán as claves?

O partido de liga está moi recente; por este formato de playoff xa todos os rivais nos coñecemos, tanto as nosas virtudes coma os defectos. Deberemos cometer os menos erros posibles, e aproveitar as nosas opcións, que as imos ter. Será moi importante saír a tope desde o primeiro minuto ata o último, como o día do Bouzas. Na ida imos contar coa nosa afección, que seguro que nos vai axudar e trataremos de levar un resultado positivo de cara á volta. Somos conscientes de que enfronte teremos un gran rival e deberemos controlar ós seus xogadores clave.

No último mes vivíronse moitos momentos que quedarán na historia do racinguismo, o outro día houbo momentos que parecía que o equipo xogaba como local… a que cres que se debe a comunión entre afección e equipo?

Foi algo moi bonito, escoitar á afección animar, corearnos… Xa na anterior fase, na que tiveramos que saír de Galicia, nos acompañaran e foran días inolvidables, e estámolo a repetir. Gustaríanos conseguir que esto que se está vivindo durante o último mes enganchara á xente para que esté aí ó longo de toda a tempada, animándonos e acudindo ós desprazamentos. Os afeccionados son parte importante na consecución de obxectivos, e estou seguro de que o que estamos vivindo se continuará no futuro.

Cales son as claves da gran tempada que está a realizar o equipo?

Unha das claves é o gran vestiario que temos. Loxicamente a nivel deportivo fixéronse incorporacións de xogadores con moita experiencia e que nos deron un salto de calidade, pero tan importante como eso foi a gran integración que tiveron desde o primeiro día. O Villalbés é un equipo humilde, unha familia na que calquera membro trata de axudar ós demais no que faga falta, desde os xogadores ata o corpo técnico e directiva; hai unha gran relación entre todos, iso fai que todos estemos a gusto no día a día e que se acaben acadando os obxectivos.

Chegados este punto, ata onde cres que pode chegar o equipo?

Aínda queda moito, pero trataremos de acadar a meta máis alta: o Rácing sempre sae a competir, sen medo ós rivais; ó longo destes anos competimos contra todos e fomos quen de gañar en campos importantes como Pasarón ou A Malata. Hai que ir partido a partido e ver ata onde podemos chegar; creo que este xa é un ano existoso para o club pase o que pase, pero imos loitar para chegar ata o final.

A nivel persoal, para o capitán, e un home que leva tantos anos no club, que supón o que se está a vivir esta tempada?

Son máis de vinte anos no club, doce consecutivos. Ser capitán é un orgullo e un soño que tes desde pequeno, cando ías medrando no club. Estos momentos que estamos a vivir fanme moi feliz a nivel persoal, ver ós compañeiros desfrutar de cada momento da tempada e conseguindo acadar os obxectivos cumpridos. Creo que ó Villalbés sempre o caracterizou ter grandes vestiarios a nivel humano, e como capitán ver esta comunión entre xogadores, directiva, corpo técnico, afección, todos os que estamos dentro, remando na mesma dirección é unha gran satisfacción.