Roberto Freire: «Unha das obsesións que teño é conseguir que desde o primeiro biberón que entra no club ata o xogador máis veterano do Filial se sinta identificado co club»

Roberto Freire Fraga cumpre a súa quinta tempada como coordinador da base do Rácing Villalbés, aínda que a súa relación co club comezou hai moitos máis anos: primeiro, como xogador da base do club, e posteriormente como adestrador na propia base. Ademais do seu rol na coordinación, Freire adestra ó equipo cadete e ó prebenxamín A, e ata descolgou as botas para competir no equipo filial esta tempada.

Deste xeito, non podíamos tardar en sentarnos cunha das figuras de referencia do club e analizar o presente e futuro das nosas xóvenes promesas.

Logo de presentar as túas múltiples funcións, imos comezar coa de coordinador: que supón para ti o día a día deste posto?

Que no seu día me ofreceran o cargo é un orgullo para alguén coma min, de Vilalba, do Villalbés e a quen lle encanta o fútbol. Cando un ten un cargo como este, é unha vantaxa moi grande que che guste o que, o que fai que as dificultades que se podan presentar sexan menores. O volume de traballo dun coordinador é alto porque sempre hai asuntos que resolver no día a día, e faise imposible desconectar en ningún momento. Pero ver medrar ós nenos no club, ver que o club que queres segue dando pasos no seu camiño, fai que calquera momento malo mereza a pena.

No meramente futbolístico, tratamos de implantar a metodoloxía máis adecuada a cada etapa, dándolle para iso moita importancia a ter xente capacitada á fronte de cada categoría.

Fálanos un pouco máis diso…

Os nenos e nenas poden entrar xa no club na etapa biberón. Nesa etapa, na que me alegra dicir que cada vez contamos con máis cativos, a prioridade non é outra que a iniciación ó deporte, compartir con compañeiros e adestradores… venlles moi ben a nivel de relacionarse.

Despois, están as tres categorías de fútbol 8: prebenxamín (2 equipos), benxamín (2 equipos) e alevín (3 equipos). O primeiro, e quero recalcalo porque lle dou moita importancia, é transmitir valores: ser respetuosos, educados… Pero tratando de inculcar iso non só nos rapaces, senón tamén no entorno: pais, familiares. Que a nosa familia do fútbol base, por así dicilo, se concience de iso, desde o primeiro ó último que formamos parte dela.

Falando de aspectos meramente futbolísticos, cada categoría ten uns obxectivos, coa súa correspondente evolución. Nestas etapas tratamos, dentro do posible, de traballar o máximo en grupos reducidos, da maneira máis individualizada posible: entendemos que a mellora individual de cada rapaz pasa en gran medida polo número de interacción que teña co balón.

A maiores do fútbol-8 está o fútbol-11, con dous equipos infantís, un cadete e dous xuvenís.

No fútbol-11 intentamos mesturar a competición coa formación. A formación ten que seguir sendo prioridade, pero a competición forma parte desa formación, xa que ó final competir é un piar fundamental dentro deste deporte.

Tratamos, na medida do posible, contar con dous equipos por categoría: ter máis número de rapaces permítenos poder facelo e que todos os cativos da vila que queiran facelo podan xogar no Rácing. Isto permítenos mellorar tanto formativa como competitivamente, tanto ó club como a cada un deles.

Nese aspecto, estou contento co volume de xogadores que movemos actualmente. Hoxe en día hai que darlle valor ó que se fai nos equipos de vila, máis descentralizado. E non falo do Rácing Villalbés, senón en xeral. Cada vez é máis difícil competir coas cidades; só hai que ver os equipos que cada ano conforman as categorías máis altas nas distintas idades de base para darse conta. E, ó final, está claro que unha parte importante dentro da formación competitiva depende da categoría na que compitas.

Non podemos rematar a análise do fútbol-11 sen falar do equipo Filial, de recente creación e que vén de acadar o primordial obxectivo do ascenso.

Sí, falamos dun proxecto que eu considero moi importante para a estructura do club: os rapaces que acaban a etapa xuvenil en moitos casos aínda non están preparados para competir en 3ªRFEF porque a diferencia é moi grande e precisan un paso intermedio, un escalón máis na súa etapa futbolística para poder algún día desfrutar de poder chegar ó primeiro equipo.

Para que iso se poda levar a cabo, o filial ten que chegar a unha categoría que se achegue máis de xeito competitivo á do primeiro equipo, polo que este primeiro ascenso era fundamental. Dentro das dificultades que houbo no ano de creación, os rapaces responderon ben e acadouse o obxectivo, que como acabo de dicir era primordial. Incluso, 9 xogadores chegaron a adestrar co primeiro equipo, e algún participaron en convocatorias. Para isto é fundamental ter un adestrador da casa que coñece a todos os rapaces e que aposta por elo. Debemos valorar moito isto, porque probablemente en poucos máis sitios pase.

Falas en 3ª persoa dos xogadores, pero podería ser en primeira, porque ti tamén formache parte do plantel do Filial…

Foi algo totalmente ocasional porque houbo moitas circunstancias adversas ó longo da tempada (baixas, lesións…). Aínda así, teño que recoñecer que non foi ningún peso porque despois de tantos anos vestir a camiseta do Villalbés de novo foi un orgullo. Tratei de axudar ós rapaces máis novos desde a miña experiencia e tratando de inculcar os valores dos que falamos antes.

Como coordinador, unha das obsesións que teño é conseguir que desde o primeiro biberón que entra no club ata o xogador máis veterano do Filial se sinta identificado co club, con ese #OrgulloRCV e coa identidade do que é o club: buscamos que lle queiran ó Villalbés. Encántame ver ós máis cativos na Magdalena nos partidos do primeiro equipo, encántame que rapaces que hai poucos anos formaban parte da base (algún compite agora no filial) sexan agora adestradores, iso está por riba de calquera gol ou vitoria de calquera fin de semana.

Xa que sacache o tema, fálanos entón da estructura de adestradores da base.

Para comezar, sempre buscamos darlle a oportunidade ós rapaces do pobo que queren adestrar: cremos que todos deben ter unha oportunidade, e despois cada un co seu traballo e formación debe demostrar estar capacitado; a oportunidade sempre a van ter.

No momento que coa xente de aquí non chega para completar todo o cadro técnico, acudimos a adestradores de fora que nos permitan manter o estándar de calidade que entendemos que debe haber no club. A día de hoxe, a metade dos técnicos son de Vilalba, moitos outros da contorna ou vinculados ó club desde hai tempo e, por suposto, igual que no caso dos xogadores, buscamos que teñan un vínculo importante e sintan o club como seu para que así o transmitan.

E, falando do adestrador do cadete, que valoración fas do que vai e resta de tempada?

En liñas xerais a tempada está sendo boa ata o de agora: o primeiro obxectivo era ter un bo nivel de traballo semanal e creo que se está a conseguir; nese aspecto estou moi contento co grupo. O segundo, era clasificarse para o PlayOff, o cal tamén está conseguido.

Durante todo este proceso, moitos xogadores competiron durante a tempada co Xuvenil B, algo que cremos que era importante para a súa formación e maduración deportiva. Tres rapaces incluso chegaron a ir convocados co Xuvenil A, debutando dous deles en Liga Galega.

Agora, debemos desfrutar o que temos por diante e intentar facer todo o que esté na nosa man para intentar o ascenso e poñerlle a guinda á tempada. Sabemos que enfronte teremos duros rivais, pero por traballo e ilusión pola nosa parte non vai quedar.

Para rematar, e de novo como coordinador: que obxectivos te marcas a medio prazo?

Debemos intentar ter todo o fútbol-11 en ligas galegas, para que o traxecto do fútbol 8 ó primeiro equipo teña a garantía de facerse competindo a un bo nivel.

Todo isto sen perder a identidade que caracteriza ó Villalbés: creo que desde fora se nos ve como un club que intenta facer as cousas ben dentro das súas posibilidades, e para iso é fundamental o traballo diario de xente que está na sombra pero que é imprescindible para este club e o seu fútbol base: directivos, colaboradores… nada desto sería posible sen eles.