Racing Club Villalbés

Empate sen goles nun encontro no que gozamos de máis ocasións

Comezou a segunda volta na Magdalena cun empate sen goles ante o Oviedo Vetusta logo dun encontro igualado no que, quizais, as mellores ocasións foron para os nosos.

Os de Simón Lamas comezaron mandando no encontro, con varios achegamentos á área rival, pero todos finalizados con disparos desde fora da área e sen ocasións claras. No tramo final deron un paso adiante os asturianos, que contaron cunha clara ocasión, pero o marcador non se moveu ata o descanso.

Tralo paso por vestiarios a tónica do partido foi semellante, ata a última media hora, na que os locais buscaron o triunfo e contaron con ocasións suficientes para facelo: un disparo de Isaac e outra de Buyo que salvaba en ambos casos o meta rival, un cabezazo de Javi Rey que tamén chapaba o cancerbeiro do Oviedo e un centro atrás que salvou a zaga no último momento nunha acción na que se reclamou penalti. Neste tramo, os visitantes contaron tamén cunha situación clara que non foron quen de concretar.

Deste xeito, reparto de puntos que nos permite seguir sumando e manter a vantaxe sobre un rival directo.