Racing Club Villalbés

Empate nun choque intenso e igualado no feudo do Fabril

Empate sen goles na penúltima xornada de competición para o primeiro equipo. Os de Simón Lamas xogaron de ti a ti na casa do líder e, tralos resultados da xornada, xogaranse a clasificación para o Play Off na última xornada ligueira, recibindo ó Arosa SC na Magdalena.

O encontro comezou co noso equipo mellor plantado no terreo de xogo, presionando a saída de balón dos coruñeses e provocándolles dificultades, chegando neste tramo as mellores ocasións para os nosos nas botas de Rares, nun disparo que salvou o meta local e nun remate que se marchou rozando o pao por moi pouco. Finalizaron estes primeiros 25 minutos de dominio visitante cunha acción moi polémica e protestada polos nosos, cando reclamaron penalti sobre Álex Pérez, pero o colexiado non o sinalou.

A partir de aí e ata o descanso o choque igualouse e chegou a ocasión máis clara para os locais, nun lanzamento de falta ó fío do descanso que se estrelou no travesaño.

Tralo paso por vestiarios tomou a iniciativa o Fabril que, metido de cheo na loita polo título e o ascenso directo, subiu a intensidade e obrigou ós nosos a facer un gran traballo defensivo, conseguindo os de Simón que os locais non traduciran a súa posesión en grandes ocasións.

Co paso dos minutos, o choque abriuse de novo e o Rácing Villalbés deu un paso adiante, chegando unha nova ocasión nas botas de Santi que desbaratou o gardamallas local. Co paso dos minutos o partido seguiu na tónica da igualdade e con chegadas pero sen grandes ocasións para ambos conxuntos, o que supuxo que se repartiran os puntos e que tanto para uns como para outros, quede todo por decidir na última xornada.

Unha xornada que xa ten data e horario: o domingo ás 17:00 recibimos ó Arosa SC nun encontro no que precisamos facer da Magdalena un fortín.

Agardámosvos!