Racing Club Villalbés

Empate con polémica ante un dos favoritos nun gran partido do equipo

Segunda xornada consecutiva puntuando, nun encontro no que o equipo amosou moi boa imaxe como local pero non foi quen de vencer a un dos favoritos, o Ourense CF.

Os nosos comezaron moi ben o encontro e dispuxeron das mellores ocasións ata adiantarse ó cuarto de hora de partido grazas a un gran testarazo de Quico á saída dun córner. De aí ó descanso os nosos controlaron o choque, e mesmo puideron ampliar a vantaxe no tramo inicial do segundo periodo, pero non estiveron atinados e viron como chegou o empate visitante tras unha pena máxima moi protestada.

Co 1-1 o encontro abriuse, os ourensáns apretaron e os nosos souberon sufrir pero non foron quen de buscar o triunfo e remataron por repartirse os puntos.