Todo se decidirá na Lomba. Ó final dos primeiros 90 minutos desta eliminatoria, Rácing Villalbés e Arosa SC empataron a un tanto nun encontro igualado e con momentos para ambos conxuntos.
O partido comezou con moito ritmo, notándose desde o inicio o que está en xogo e cun ambiente de gala nunha Magdalena abarrotada por ambas afeccións. Froito deste ritmo trepidante desde o inicio chegaba o 0-1 nun bo tanto visitante chegando ó cuarto de hora de encontro. Durante uns minutos os visitantes, animados por este tanto, foron lixeiramente superiores, aínda que o Villalbés aguantou ben este tramo e agardou o seu momento ata que pasada a media hora chegaba o 1-1 nun testarazo de Make á saída dun córner.
Con este 1-1 se chegaba ó descanso logo duns primeiros 45 minutos intentos e que facían presaxiar unha segunda metade que non defraudaría.
Sen embargo, na segunda metade non se viron máis goles: o xogo seguiu tendo un ritmo alto, pero un xogo menos vistoso, con dous equipos sólidos defensivamente, que impedían que o rival con claras ocasións. Quizais, as chegadas máis perigosas deste segundo acto foron locais, en dúas accións nas que os centros de Marcos e Buyo non atoparon rematador.
Pasaban os minutos e no tramo final o Villalbés buscou un tanto que lle dera o triunfo, e a ocasión chegou, pero un testarazo de Joel foi salvada polo meta visitante, evitando que se movera o marcador e deixando o resultado final nun 1-1 que deixa todo aberto de cara á volta.