Racing Club Villalbés

Dura derrota nun mal encontro do Racing Villalbes

O Racing Villalbés sufriu a derrota máis dura da tempada nun encontro no que non estivo ó nivel dos anteriores, e que condicionou o tanto recibido antes do primeiro minuto de encontro.

Pasados os trinta segundos adiantáronse os locais tras un centro lateral, cambiando totalmente o guión do encontro. Non se pode dicir, sen embargo, que reaccionaran mal os de Simón Lamas ó tanto encaixado; recompuxéronse e buscaron a meta visitante, achegándose en varias situacións, sen chegar a concretar en ocasións, sendo a máis destacada un disparo de Santi que se marchou alto.

A pesar de que os locais non inquedaban en exceso a área defendida por Santomé, os nosos non estaban cómodos, e pasada a media hora chegaba o 2-0 no segundo achegamento local, poñendo xa unha distancia importante no marcador, co que se chegou ó descanso.

Tralo paso por vestiarios, os nosos saíron decididos a darlle a volta ó encontro, pero estaba claro que non era o día: Pablo Rey facía intervir xa ó comezo ó meta local, pero na seguinte xogada, nunha contra, chegaba un 3-0 que deixaba o partido practicamente sentenciado.

O Villalbés intentouno ata o final, pero os locais non deron opción a que recurtaramos vantaxe e os puntos quedaron en terras cántabras.