Racing Club Villalbés

Derrota en Coruxo para despedir o ano

Non se lle puido poñer a guinda a un histórico 2023. O Racing Villalbés caeu no último encontro do ano ante o Coruxo por 3-2 nun partido que foi capaz de igualar ata en dúas ocasións, pero non nunha terceira.

Comezou o partido con maior dominio do conxunto local, pero a ocasión máis clara no primeiro tramo foi nosa, cando tras un pase de Pablo Rey, Álex Pérez vía como o seu disparo era salvado polo meta rival.

Á media hora chegou a tolemia do choque: adiantábase o Coruxo pero só un minuto despois Make facía a igualada ó aproveitar un servizo de Álex. Non se cumprira aínda o 38 cando chegaba o 2-1 que poñía de novo ó Coruxo nunha vantaxe que xa se mantería ata o descanso.

Tralo paso por vestiarios chegou axiña a igualada de novo, ó bater Christian cun disparo desde a frontal ó meta rival tras unha nova asistencia de Álex Pérez.

A partir de aquí chegaron os mellores minutos dun Villalbés que neste tramo semellaba estar máis cómodo sobre o terreo de xogo que o seu rival. Sen embargo, non se producían chegadas perigosas a ningunha das dúas áreas, ata unha xogada illada á saída dun córner faltando menos dun cuarto de hora na que o Coruxo facía un 3-2 que acabaría sendo definitivo.

De aquí ó final os nosos buscaron a igualada, pero sen acerto, sufrindo unha derrota que fai que nos vaiamos ó parón de Nadal na oitava posición con 28 puntos na táboa clasificatoria.