Derrota do primeiro equipo nun partido trabado e vitoria do Filial a domicilio

Cara e cruz para os nosos equipos senior esta fin de semana. O primeiro equipo sufriu a primeira derrota da tempada ó caer por 0-1 ante o Arosa SC nun encontro trabado e igualado e carente de ocasións. Aínda así, os primeiros achegamentos foron para os de Alberto López, que apenas sufriron a nivel defensivo nun primeiro acto que se pechou con táboas ó descanso.

Tralo paso por vestiarios chegaría o tanto visitante á saída dun córner nunha acción na que o noso rival precisou ata tres remates antes de dar batido a Álex Santomé. Tralo gol, o Arosa administrou a súa renta, e a pesar dos intentos dos nosos, non permitiu que se lle escapase o bote, acadando deste xeito os seus primeiros tres puntos da tempada.

Pola tarde foi o turno do Filial, que visitou Lourenzá para sumar tres puntos moi valiosos nun campo compricado. Nun encontro marcado polo aire, o primeiro tempo foi de maior dominio territorial local, aínda que sen xerar ocasións sobre a meta defendida por Duarte. Os de Iván, con aire en contra, tampouco foron quen de chegar con moito perigo á área local.

Tralo intermedio, o encontro cambiou, e os nosos tomaron o control, adiantándose no 55´ ó transformar Gabri un penalti cometido sobre el mesmo.

A partir deste intre os de Iván gozaron de ocasións para ampliar a renta, golpeando incluso dúas veces ós paos da meta local, pero non foron quen de sentenciar e nos últimos minutos souberon defender ben a renta obtida para vencer a domicilio.