Non foi o día do primeiro equipo este sábado, caendo por 4-1 na Estrada nun encontro no que o cadro local foi mellor, especialmente no primeiro acto.
Os locais dominaron os primeiros 45 minutos e chegaron con 2-0 ó intermedio aproveitando dous erros defensivos dos nosos. Tralo paso por vestiarios o decorado do encontro cambiou, e foron os nosos quenes dominaron e contaron coas mellores ocasións, incluso recurtando distancias por medio de Javi Rey.
Non obstante, cando o encontro entraba no treito final con opcións para os nosos, chegou o 3-1 que sentenciaba o partido, antes de que os locais pecharan o marcador co cuarto e definitivo gol.
Pola súa parte, o Filial acadou unha importante vitoria por 3-1 diante da SD Outeiro de Rei, nun encontro no que realizou un excepcional primeiro tempo, que lle serviu para irse 1-0 ó descanso grazas ó gol de Denís, logo de malgastar varias ocasións.
Tralo paso por vestiarios, Diego ampliou pronto a vantaxe, antes de que Denís, cun golazo, fixera o 3-0. Os visitantes non baixaron os brazos e recurtaron distancias desde os once metros, pero os de Iván souberon aguantar o marcador para sumar o segundo triunfo consecutivo como locais.