Racing Club Villalbés

Chegou a primeira vitoria como locais, ante a Gimnástica de Torrelavega, por 1-0

O bo faise esperar, e iso pasou coa primeira vitoria como locais na 2ªRFEF. Houbo que esperar ata o sexto encontro ante a nosa afección para celebrar os tres puntos, e foi nun día marcado pola climatoloxía, con moita auga pero sobre todo un forte vento que condicionou o desenvolvemento do xogo.

Na primeira metade soprou en contra do conxunto de Simón Lamas, o que propiciou que o dominio territorial fora dun cadro visitante que contou con moitos córners, pero o bo facer defensivo dos racinguistas fixo que a meta defendida por Santomé non pasara apuros.

Os nosos trataban de achegarse á meta rival, tarefa difícil neste primeiro acto. No minuto 39 chegaría o 1-0 á saída dun córner, logo de que Uzal enviara ó fondo da rede tras dous rexeites, e así se chegou ó descanso.

Tralo paso por vestiarios os primeiros minutos foron do Villalbés, que xerou perigo e mesmo contou con dúas claras ocasións para ampliar o marcador: un lanzamento de falta de Álex Pérez ante o que se luciu o meta visitante e un cabezazo de Jose Varela que se foi rozando o pao da meta da Gimnástica.

Non sentenciamos, e tocou poñerse o mono de traballo no tramo final do encontro, cando os visitantes se foron con todo en busca do empate e contaron cunha clara ocasión que salvou Santomé para que, desta vez sí, os puntos quedaran na casa.