Racing Club Villalbés

O Rácing Villalbés escribe a páxina máis fermosa da súa historia

Historia. Así se pode definir o acadado polo conxunto de Simón Lamas o pasado sábado en Santo Domingo de La Calzada. O cadro vilalbés impúxose con contundencia (0-3) ó cadro local e conseguiu ascender a 2ªRFEF. Un fito histórico para club e vila.

O encontro comezou cos nosos moi enchufados, e froito delo chegou o 0-1 cando Marcos Álvarez remataba un servizo de Pablo Rey desde a banda. Tras este tanto, e empuxado pola súa afección, os locais trataron de apretar, sacando varias accións a balón parado ante as que os de Simón estiveron moi sólidos.

Co paso dos minutos o Rácing liberouse de dito dominio, sendo el o protagonista das accións a balón parado ofensivo, ata que nunha delas quedou un rexeite na frontal da área e Álex Pérez enganchou un zurdazo que facía o 0-2 e co que se chegou ó descanso.

Tralo paso por vestiarios os racinguistas saíron moi concienciados de non deixar escapar a súa vantaxe; aínda así, os locais contaron con dous achegamentos perigosos: un remate que se foi fora e outro no que tivo que intervir Santomé.

Pasados estos primeiros minutos, o Rácing Villalbés tomou o mando do encontro, tendo situacións para sentenciar, entre as que destacou un remate de Jose Varela que se marchou alto. Pero o destino quería que chegara o 0-3 que culminara o encontro, e foi no minuto 92 cando Santi desataba a tolemia dos máis de 300 afeccionados vilalbeses desprazados a terras rioxanas.

Final e bágoas de emoción e ledicia entre os membros do equipo, xogadores da base, exxogadores, e toda a afección que estaba a vivir un feito que xa quedará marcado para sempre na historia do club.